Entrevista do SD Compostela a Pilar Miramontes

En NB21 patrocinamos, por terceiro ano consecutivo, ao equipo de fútbol SD Compostela. Con motivo do derbi disputado contra o Racing de Ferrol, o equipo realizou unha entrevista a Pilar Miramontes, da oficina de NB21 Santiago de Compostela.

Cal é a súa actividade?

NB21 é unha correduría de seguros que en Santiago empezou da man de Jesús Miramontes nos anos 70, e da cal son a segunda xeración. A oficina que temos en Fonte dos Concheiros abriuse no ano 1993.

Levamos todo tipo de seguros, tanto para particulares como para empresas, destacaría que somos quen de resolver case todas as necesidades do cliente dunha maneira o máis próxima posible, como di o noso emblema de empresa: “Para ti, para todo”.

Dende cando patrocinan ao equipo?

Penso que este é o terceiro ano que oficialmente patrocinamos a un xogador, sempre tivemos o 9 e este ano temos a gran sorte de que sexa Primo, aínda que nestes intres estea lesionado.

Que lles levou a facelo?

O director, Jesús Miramontes, sempre estivo moi vinculado ao deporte, sobre todo ao fútbol, que era o que practicaba e ao que xogou de maneira profesional. O Compos é o equipo da nosa cidade e eu teño o recordo, dende que son moi pequena, de ir cos meus pais e padriños a Santa Isabel e percorrer os estadios de Galicia e España, segundo cambiábamos de categoría.

Que supón o ascenso de categoría para o seu patrocinio?

Para nós, como patrocinadores, é un orgullo ver como a SD Compostela está en 2ªB, ogallá cheguemos a 2ª. Dános máis presencia como marca en toda España estando en todos os partidos que disputados televisados e, está claro, que canto máis alta é a categoría, máis interese xeral crea. Máis xente pode ver o logo da empresa e desa forma podemos chegar a un maior número de posibles clientes, xa que nos dedicamos a todo tipo de seguros, e tanto podemos asegurar un coche, como un seguro de saúde, como a responsabilidade civil dunha empresa ou dun autónomo…

Cal é a súa relación co deporte en xeral e a SD Compostela en particular?

A nosa empresa sempre estivo vinculada a diversos deportes: patrocinamos Rallies, equipos de categorías inferiores de fútbol, de baloncesto, equipo propio de futbito e veteranos de fútbol… Actualmente NB21 Santiago de Compostel aé patrocinadora da SD Compostela e do Obradoiro, os dous equipos da cidade en categorías superiores. O directos sempre xogou ao fútbol e eu sempre practiquei diferentes deportes, como baloncesto, rugby ou esgrima.

Como digo sempre, a relación co Compos é unha relación cunha vinculación sentimental, con ese sentimento de que sempre foi o equipo de fútbol por excelencia da cidade e que hai que apoialo nas boas e nas malas. Gústame o espírito de sacrificio que ten agora mesmo o equipo que temos montado, eses rapaces que xogaban en Terceira e agora son quen de estar nunha categoría superior, dándoo todo e demostrando que non se renden, que aínda que perdamos, dáse todo até o derradeiro minuto.

Ademais, encántame o xogador que patrocinamos. Primo sempre me pareceu un xogador súper completo, xa o demostrou na súa primeira etapa no equipo e agora na segunda sigue facéndoo. El foi quen nos elixiu, porque este ano no que por categoría xa teñen que xogar con dorsais fixos escolleu o 9, que é o 9 NB21.

Un desexo para esta tempada.

Eu agardo que sigamos na liña na que estamos e poidamos manter a categoría sen problemas, considero que pedirlles ascender é moito, aínda que espero que nuns aniños o Compos volva a Segunda, que penso que é a categoría que máis xusta sería por toda a historia do club. E, por sentado, espero que esta fin de semana gañemos! Aúpa Compos!!!